venres, 16 de maio de 2014

Só fai falla estar todos implicados



REDACCIÓN PERSOAL: “Só fai falla estar todos implicados”
  
    É irónico que algúns morran de fame e outros usemos esa mesma expresión para indicar que se nos abre o apetito; é inimaxinable que algúns morran de fame e outros por comer en exceso e sen necesidade; é inxusto que algúns morran de fame e outros comamos cos ollos, tiremos coa comida. Esta lista podería seguir, pero non se trata de sentirnos culpables por onde nacemos, se non polo que facemos, polos nosos actos; trátase de comezar por facernos donos deles, e seguir por valorar o que temos, e continuar por axudar en canto poidamos.

   Pensaremos que non existen recursos suficientes para a enorme cifra que xuntos sumamos, pero o peor é que a falta de auga e alimento en boa parte do mundo non se debe á falta de auga e alimento na outra boa parte do mundo; porque cada día no noso planeta prodúcese alimento dabondo para 12.000 millóns de persoas. Somos preto de 7.000 millóns, 850 millóns teñen serios problemas para alimentarse diariamente e ata 6 millóns de nenos morren cada ano como consecuencia da fame, pregunta, que é o que estamos a facer mal?

   Todos podemos ser superheroes?, quen sabe, pero está claro que as cousas só son posibles se se intentan, porque o que si é inxusto e sentir pena polos que non foron tan afortunados e logo non mover un dedo para intentalo. Sempre está ben soñar cun mundo no que nazas onde nazas teñas as mesmas oportunidades e dereitos, pero está mellor pensar en maneiras de conseguilo; porque queiramos ou non este mundo leva sendo inxusto moitos moitos anos, o que non significa que o teña que ser outros moitos anos máis. Isto non é un “Se queremos colaborar a facer un mundo máis xusto podemos…”, é un “Como temos que colaborar a facer un mundo máis xusto debemos…”, é o noso deber, porque é o noso mundo e só nós somos os seus responsables. Se non somos nós os que actuamos non haberá ninguén que actúe por nós. Mundo só existe un e temos a sorte de ser os seus residentes e os primeiros que deberían estar interesados en melloralo, tan só fai falla estar todos implicados.



Irea García Fernández 3º B
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario